O aviso, que se estende tamén a outras zonas de Galicia con nivel amarelo, permanecerá vixente ata a medianoite. Segundo as predicións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), as precipitacións poderían vir acompañadas de saraiba e refachos de vento intensos, cunha acumulación estimada de 15 litros por metro cadrado.
Como medida preventiva, a administración autonómica decidiu suspender toda a actividade deportiva federada e a vinculada ao programa Xogade durante a tarde nos 27 concellos que conforman o centro da provincia de Lugo.
O servizo de 112 Galicia xa notificou a situación aos concellos, deputacións e agrupacións de voluntarios de Protección Civil. As autoridades recomendan extremar a precaución nas estradas, evitar zonas inundables e non estacionar vehículos nas proximidades dos leitos dos ríos.
A inestabilidade mantense tras unha xornada de sábado na que xa se rexistraron centos de raios en toda a comunidade. A entrada de aire cálido de latitudes inferiores provocou un ascenso térmico, con valores que acadaron os 32 graos en Lugo e os 34 en Ourense.




