O Consello de Administración de Vipugal acordou adxudicar o contrato para a construción destas 59 vivendas, que se levantarán nas parcelas 2, 3A e 3C do polígono de Paradai, cedidas polo Concello de Lugo mediante permuta. A empresa Oreco Balgón, S.A. será a encargada da execución da obra, cun orzamento de 10.216.549 euros. O investimento total provén da Xunta, sen achegas de fondos europeos nin estatais.
O proxecto, que tamén inclúe a redacción e dirección da obra, foi adxudicado á UTE formada por Iglesias y Veiga arquitectos S.L.P. por un importe de 317.337,02 euros. A edificación proxectada terá unha superficie construída total de 8.582,99 m², dos cales 6.653,27 m² estarán sobre rasante.
As vivendas distribuiranse en dúas plantas de soto (destinadas a garaxes, rochos e instalacións), planta baixa (con accesos, garaxe e cuartos de instalacións), plantas primeira a sexta (con nove vivendas cada unha) e un ático con cinco vivendas máis. En total, o inmoble albergará 59 vivendas.




