Este proxecto, froito de anos de investigación e recompilación, materialízase nun espazo aberto á cidadanía co obxectivo de preservar o patrimonio e dinamizar a cultura local. A idea xurdiu hai cinco anos como unha evolución natural do traballo do colectivo, segundo explica Teresa Astorgano, presidenta de Traxandaina, quen subliña a necesidade de transmitir o coñecemento adquirido: "Se non es capaz de transmitir e difundir, de pouco vale".
Relembra defínese como un espazo expositivo e museístico que alberga pezas orixinais e antigas, algunhas datadas en 1840. "Son todas dignas de estar en museos, non son nin réplicas nin reproducións", afirma Astorgano. Ademais da exposición, o centro busca ensinar técnicas artesanais como o bordado, a costura a man ou as técnicas de tear para evitar a súa perda e que o visitante "se involucre, se namore, como nos namoramos no seu día, e para ser capaces de valorar o que realmente era a nosa vestimenta tradicional".
A selección das pezas para a exposición inaugural, centrada en traxes de noiva e cerimonia, foi un proceso "moi duro", segundo Teresa Astorgano. A mostra renovarase cada catro meses. Subliña que o valor das pezas é histórico e emocional, non económico, e que os tecidos anteriores á Revolución Industrial contan a vida da comunidade galega. O espazo busca ofrecer rigor, distinguindo entre roupa tradicional antiga e roupa folclórica, e destacando particularidades como as distintas formas de colocar un pano, que variaban por zonas.
O camiño ata a inauguración, que durou cinco anos, estivo marcado por "dificultades burocráticas, administrativas". Relembra diríxese "a quen entre pola porta", incluíndo turistas, investigadores, amantes da tradición e novas xeracións. Teresa Astorgano conclúe defendendo o papel da indumentaria como vehículo para entender o pasado: "A través da vestimenta, ti estás entrando na historia realmente".




