Máis dunha ducia de grupos percorrerán as rúas da cidade en horario de mañá (11:30 a 14:00 h) e de tarde (17:00 a 18:00 h), ofrecendo pasarrúas por distintas prazas e rúas do centro urbano amurallado. A xornada comezará ás 11:30 horas dende a Mosqueira, finalizando na Praza Maior, diante do concello.
Os grupos participantes inclúen Arume de Boiro, Axeigo, Lembranzas do Tambre, Lubicáns, Os Mersenarios, Os Mecos de Ogrobe, Pandereteiros de Cántigas e Frores, Turoqva, Xente Nova de Ferrol e Zanfoneiros da Tradescola. Pola tarde, as actuacións de rúa repetiranse a partir das 17:00 horas.
Ademais, no escenario da praza de Santa María, haberá concertos a partir das 18:30 horas con Bouba pandeireteiras e, a partir das 20:00 horas, con Os Carunchos.
Esta mostra, que se celebra no marco das festas patronais, ten como finalidade a exaltación e difusión da música tradicional galega, convertendo Lugo nun referente en toda Galicia e demostrando que a música tradicional pode ser a protagonista da festa na rúa.




