Esta celebración, xa consolidada como unha das principais citas de recreación histórica en Galicia, reunirá a máis de 500 participantes e 30 asociacións culturais procedentes de diversos puntos da comunidade e doutras rexións de España. A iniciativa, organizada polo Concello de Friol e a asociación A Castronela, conta coa colaboración de Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia.
Durante a fin de semana, o paseo fluvial de Friol converterase nun gran escenario histórico, albergando un asentamento galaico e un campamento romano. Estes espazos estarán abertos ao público desde a mañá do sábado ata a tarde do domingo, ofrecendo unha inmersión na vida castrexo-romana.
O programa inclúe unha ampla variedade de actividades divulgativas e culturais, como recreacións da vida castrexa, obradoiros de pan, queixo, teares, fiado, medicina romana, acuñación de moedas, tiro con arco, gastronomía tradicional e xogos populares. Entre os momentos máis agardados polo público destacan o Asedio ao Castro, a Escaramuza castrexo-romana, o Descenso en balsa do río Narla e a Reyerta polo Tesoro do Castro.
“"O Friulio é xa unha das grandes citas culturais e turísticas do noso municipio e un referente da recreación histórica en Galicia. É unha festa feita entre todos, coa participación do tecido cultural, das asociacións e da veciñanza, que cada ano se volca para facer medrar esta celebración."
Como novidade desta edición, introducirase un acto de benvida dirixido aos máis pequenos, concibido como unha homenaxe simbólica ás tradicionais Bodas Galaicas. Esta iniciativa busca fomentar a participación do público infantil na celebración. As actividades distribuiranse por distintos puntos do casco urbano, incluíndo o paseo fluvial, a Avenida de Santiago e a Praza de Andón Cebreiro. Ademais, o Concello promoverá un concurso de escaparatismo e decoración de fachadas para ambientar a vila.
A música tamén terá un papel relevante, con actuacións de grupos folk e tradicionais como Xesta Verde, Tympana Gallaica, Son de Lugh, Bloco Meigallo e a asociación cultural Xermolos de Guitiriz. A programación nocturna do sábado completarase cos concertos de La Karaband e Clandestinos. O acto de clausura incluirá o nomeamento dun exdirector do CPI de Friol como Persoeiro de Honra desta oitava edición do Friulio.




