O evento, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial, celebrouse baixo o título 'As mans invisibles. A muller na construción da identidade gastronómica'. A xornada subliñou a gastronomía como patrimonio cultural e o rol fundamental da muller como "gardiá da tradición culinaria e produtiva".
A cita comezou ás 15:00 horas cunha degustación onde chefs como Lucía Freitas, Álex Iglesias, Marcos Arufe e Vanessa Betancourt presentaron reproducións de pratos históricos, rescatados dos arquivos da Rede Museística. A tarde continuou cunha mesa redonda, moderada por Encarna Lago, que se estendeu ata as 20:00 horas e contou coa participación de Montse Castiñeira, Chelo López, Ángeles Romero, Eva Cabanelas e membros do programa Arte e Benestar.
A chef con estrela Michelin, Lucía Freitas, inaugurou a degustación nunha das salas da fortaleza, presentando dous pratos do receitario. Entre eles, a lingua á escarlata, que, aínda que non é "tan típica de Galicia", lle "recórdame á miña avoa". Tamén destacou o cordeiro asado ao espeto, un tipo de cociña que "precisaba que alguén estivera pendente".
“"A cociña feita paseniño, paseniño, como a que facían as nosas avoas. Cociñamos con memoria e somos partícipes desa cociña feita polas mulleres que esperaban toda a noite a carón da lareira e que fixeron posible a gastronomía dun territorio como Galicia."
Freitas tamén fixo fincapé na "influencia da emigración" nos receitarios galegos, dada a historia de "un pobo que emigrou moito".
Na seguinte estancia, Álex Iglesias, chef de Lalín, ofreceu tres pratos, describíndoos como receitas medievais "moi sinxelas que actualizamos para que sexan máis acordes ao noso padal". Entre as súas propostas incluíuse un gazpacho, cuxa presenza na gastronomía galega, segundo Encarna Lago, se debeu a que "a dona do pazo de Tor casouse cun murciano". Tamén presentou un xamón doce asado durante 24 horas con cravo, un ingrediente "moi utilizado no medievo".
No andar superior, Marcos Arufe, gañador do concurso Talentos by Abril en 2023, encargouse da parte doce, "a que máis representa a Galicia". Arufe reivindicou "a verdadeira cociña galega", subliñando a importancia de "poñer en valor a auténtica cociña galega, non quedarse nos estereotipos. Hai que dicir o que realmente hai no día a día nas nosas mesas".
A xornada culminou na terraza da fortaleza coa proposta de Vanessa Betancourt, quen, en colaboración con Lucía Freitas, elaborou unha sobremesa delicada con base de galleta de nata, confitura de kumquat, crema de laranxa e chocolate amargo. Betancourt destacou que a receita "leva historia, amor e cariño histórico", e valorou a oportunidade de traballar "aprendendo a historia das receitas e os valores de cada un dos alimentos".
O proxecto continuará hoxe, a partir das 10:00 horas, no pazo de Tor, en Monforte, cunha xornada titulada 'Desigualdade e memoria. A comida como marcador de clase social ao longo da historia'.




