A iniciativa do BNG busca non só a recuperación física destas instalacións, senón tamén a súa integración como un elemento clave do patrimonio paisaxístico, cultural e etnográfico de Muxía. Para iso, propón solicitar axudas e apoio financeiro da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado.
Ademais da conservación, o BNG suxire que o Concello promova unha investigación exhaustiva sobre o secado do congro. Esta investigación debería abarcar aspectos como o sistema de conservación, o proceso de adquisición, o procesado e comercialización, a súa relación histórica con outras localidades, a importancia económica e social na historia muxiá, o papel das mulleres neste traballo, os materiais empregados e as técnicas tradicionais de secado.
“"Entendemos, ao igual que a veciñanza, que os secadoiros son un elemento do noso patrimonio cultural que non pode quedar esquecido e desaparecer; están no noso ADN cultural e social."
Os nacionalistas tamén consideran fundamental dotar de recursos estruturais para que a actividade de secado de congro poida continuar en Muxía, xa sexa con fins económicos ou educativos. A idea é abrir estes espazos á veciñanza, estudantes e visitantes, integrando esta riqueza patrimonial no circuíto cultural local.
A portavoz municipal, Mercé Barrientos, subliña a necesidade de que o Concello tome medidas claras para preservar os valores culturais desta actividade. Tamén avoga por un proceso para declarar o congro seco como un "alimento con características tradicionais", buscando dignificar e poñer en valor este sistema de conservación.
Barrientos conclúe que sería beneficioso asociar a Festa do Congro con actividades máis aló dunha simple comida na lonxa. Propón a realización de obradoiros e demostracións do proceso de secado, incluíndo a colgada do produto nas cabrias para recrear o efecto paisaxístico, buscando unha actuación máis integral e multisectorial.




