A Xunta iniciará a vindeira semana a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos concellos correspondentes aos distritos sanitarios de Lugo e de Cee. As extraccións de sangue comezarán no Hospital Universitario Lucus Augusti o martes, día 13, para aquelas persoas que foron invitadas a participar, e prolongaranse ata o 29 de outubro. No caso de Cee, a toma de mostras realizarase no Hospital Público Virxe da Xunqueira, os xoves 15 e 22 deste mes.
O horario para asistir á extracción, con cita previa, será de 15,30 a 18,30 horas e non é necesario acudir en xaxún. O persoal sanitario informará de todo o proceso durante a toma de mostras aos participantes no estudo de investigación. Para esta nova recollida de mostras, foron enviadas, de forma aleatoria, 1.947 mensaxes SMS de invitación para participar en Lugo e 342 en Cee. O obxectivo é acadar a participación de 457 persoas: 389 de Lugo e 68 de Cee.
O proxecto Xenoma Galicia xa analizou 3.112 mostras biolóxicas. Na fase 1, a análise de 1.279 mostras permitiu atopar 25 casos positivos para patoloxías cribadas: 14 en cancro de mama e ovario hereditario, 2 en síndrome de Lynch e 9 en hipercolesterolemia familiar. Ata o momento, detectáronse 53 positivos en total, incluíndo casos de cancro de mama e ovario, Síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar.
A recollida de mostras xa se realizou nos distritos sanitarios de Ourense, Verín, O Barco de Valdeorras, A Mariña, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Barbanza, Ferrol e Vigo. Próximamente abrirase a participación aos distritos da Coruña, Pontevedra e O Salnés.
Con un investimento de 20 millóns de euros, o proxecto Xenoma Galicia busca recompilar o ADN de 400.000 galegos, situando a comunidade na vangarda da investigación biomédica. Os achados permitirán predicir o risco de enfermidades e ofrecer tratamentos individualizados. Coordinado pola Consellería de Sanidade e dirixido por María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de programas de prevención e detección temperá.




