O pleno municipal de Valdoviño deu luz verde por unanimidade ao regulamento do Consello Sectorial da Memoria Democrática na sesión plenaria celebrada onte á tarde. O texto, que será publicado no Boletín Oficial da Provincia, establece un marco normativo para investigar, documentar, transmitir e recoñecer o patrimonio relacionado coa memoria democrática local.
Este órgano de participación permanente ten como obxectivo defender e promover os dereitos humanos mediante a recuperación da memoria histórica, en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante o Golpe de estado militar e a Ditadura. Terá carácter consultivo, emitindo opinións e propostas non vinculantes.
Entre os seus obxectivos figuran asesorar sobre a aplicación da Lei de Memoria Democrática, favorecer a reparación e dignificación das vítimas, promover a investigación e difusión de episodios históricos silenciados ou terxiversados pola Ditadura, e recibir propostas de particulares e entidades.
O Consello estará integrado pola Alcaldía (Presidencia), a Concellería de Cultura (Vicepresidencia), representantes de cada grupo político municipal, ata tres representantes de entidades de memoria histórica e ata tres historiadores ou investigadores de recoñecido prestixio. Tamén poderá contar con persoas invitadas con voz pero sen voto, e unha secretaría designada por resolución de Alcaldía.
A proposta aprobada é froito do traballo realizado polo departamento de Cultura do Concello, coa colaboración da Asociación Cultural de Memoria Histórica Democrática. O Consello reunirase ordinariamente unha vez ao semestre e extraordinariamente cando a transcendencia ou urxencia o requiran.




