O Goberno autonómico aprobou as bases que rexerán este proceso, que inclúe novas ferramentas para adaptar a venda á realidade do mercado e incentivar a implantación de novas empresas, así como facilitar a ampliación das xa existentes. Entre estas novidades, destacan a oferta pública permanente e a adxudicación directa.
A oferta pública permanente permitirá presentar solicitudes sen depender de novas convocatorias, mentres que a adxudicación directa busca facilitar proxectos estratéxicos ou dar saída a parcelas sen demanda previa. En total, o concurso abarca 357 parcelas de solo empresarial de titularidade autonómica, sumando preto de 800.000 metros cadrados en toda Galicia.
No caso de Ortigueira, o concurso inclúe 41 terreos propiedade de Xestión do Solo de Galicia (Xestur), cunha superficie global de 48.768 metros cadrados. Para estas parcelas, a Xunta explica que se admitirá “unha maior flexibilidade nas condicións de pagamento, incluíndo fórmulas de carencia ou pagamento aprazado, sempre que se acredite a equivalencia económica co prezo bonificado de referencia”.
Así mesmo, inclúense 38 parcelas no parque empresarial de Cedeira, que suman 40.877 metros cadrados. A Consellería de Economía e Industria sinala que neste parque “transcorreron máis de oito anos sen procesos de venda nin interese empresarial”. Para estas parcelas, “admitiranse ofertas á baixa respecto do prezo bonificado de saída, sempre coa esixencia dun aval [que deberá manterse por un período de tres anos] pola diferenza”.
Unha vez recibida unha proposta, esta será publicada na web de Xestur durante 15 días para permitir a concorrencia doutros posibles interesados. A decisión final recaerá no consello de administración desta sociedade pública, que valorará criterios como a creación de emprego, a viabilidade do proxecto e o reforzo da cadea de valor do parque empresarial.




