O Concello de Narón celebra o Día Internacional das Persoas Maiores, que ten lugar cada 1 de outubro, destacando o papel fundamental deste colectivo na sociedade e promovendo os seus dereitos e benestar. A iniciativa busca combater o idadismo e garantir os dereitos das persoas maiores ao longo da vida.
Con este obxectivo, o Concello organiza anualmente un amplo abano de actividades nos seus centros comunitarios e locais sociais. Neste curso, que comezou o 1 de setembro e rematará o 30 de xuño do próximo ano, xa hai 967 persoas matriculadas en 70 obradoiros. As actividades centralízanse no Centro comunitario municipal Manuela Pérez Sequeiros e desagréganse en parroquias como Piñeiros, Pedroso, A Solaina, San Xiao, San Mateo, Freixeiro, O Val, Sedes, Alto do Castaño, Doso e Xuvia.
A oferta divídese en dous programas principais. O de Envellecemento activo, exclusivo para maiores de 60 anos, inclúe actividades como vida en movemento, ximnasia rehabilitadora, informática, memoria, lectoescritura, enredar e cancións de animación. Nas parroquias, complétase con labores, pintura, ademais de vida en movemento, ximnasia rehabilitadora e memoria.
O programa Comunitario ou Interxeracional está aberto a todas as idades e ofrece pilates, ioga, ximnasia rehabilitadora, ximnasia musical, bailes de animación, baile latino, redes sociais, informática, uso de móbil intelixente, inglés, labores, cantos de taberna, stretching e relaxación-ansiedade.
Aínda quedan prazas libres en quince grupos, entre os que se atopan manualidades, acompañando, informática, informática avanzada, ximnasia rehabilitadora, vida en movemento, memoria, uso de móbil intelixente, bailes de animación, stretching, pelvic training, pilates, inglés, ioga e cantos de taberna. A inscrición na lista de agarda tamén permanece aberta para cubrir posibles vacantes.
“"Envellecer non ten por que significar quedar na casa. O envellecemento activo consiste en seguir aprendendo, movéndose e compartindo tempo con outras persoas, e iso é o que queremos facilitar desde o Concello."
As persoas interesadas en participar nestas actividades poden obter máis información no Manuela Pérez Sequeiros os luns, mércores e venres de 8:30 a 14:00 horas, ou nos teléfonos 981 102 152 e 671 383 575.
Ademais, con motivo do Día Internacional, este venres 2 de outubro as agrupacións do Centro comunitario municipal celebrarán cunha festa o Día dos Maiores.




