As empregadas do sector téxtil en Ferrolterra saíron á rúa para manifestar o seu malestar cunha nova xornada de folga. A mobilización, convocada pola CIG e UGT, opónse ao preacordo do convenio estatal alcanzado entre CCOO e Fetico coa patronal ARTE (Asociación Retail Textil España), que agrupa ás grandes empresas do sector.
O paro non se limitou ao peche ou ás restricións nos principais establecementos, especialmente no centro comercial Odeón, senón que tamén se trasladou á vía pública. Unha manifestación percorreu a cidade, chegando a cortar a avenida Nicasio Pérez, o que requiriu a intervención da Policía Local e Nacional.
A CIG sinala que o convenio estatal, pendente de aprobación pero practicamente pechado, "empeora as condicións laborais e salariais". Por iso, instan ás patronais provinciais a sentarse a "negociar un acordo interprofesional galego que blinde a prioridade aplicativa dos convenios provinciais".
O persoal afectado, que leva meses apoiando a mobilización, dirixe as súas críticas á patronal coruñesa, á que acusan de "bloquear calquera avance cara a un marco galego de negociación". Ademais, denuncian que "continúa sen constituír a mesa negociadora do comercio vario malia tratarse dun convenio caducado desde o pasado mes de decembro".
Esta folga precede ás reunións da mesa negociadora de ARTE, previstas para o mércores e o xoves da próxima semana, e para o 2 de xuño en Madrid. Nestas xuntanzas, segundo explica a CIG, buscarase pechar definitivamente o convenio estatal.




