O incidente, que non provocou feridos pero obrigou á evacuación dos pasaxeiros nunha zona de difícil acceso, reavivou as críticas da formación nacionalista sobre o estado da rede de Ancho Métrico (FEVE) en Galicia.
Un deputado do BNG no Congreso rexistrou unha serie de preguntas dirixidas ao Executivo central para coñecer as causas específicas do lume, que se orixinou na cabina do tren, e para depurar posibles responsabilidades. O deputado advertiu da “falta de garantías e seguridade” na rede galega e cualificou o suceso de “gravísimo”, sinalando que “podería ter tido consecuencias moito máis serias”.
“"Debe informarse se o convoi fora sometido ás revisións e mantementos preceptivos."
O incendio tivo lugar na mañá do martes 21 de abril na parroquia de Labacengos. A pesar da intervención do maquinista cun extintor, as chamas non puideron ser controladas ata a chegada dos bombeiros do Eume e efectivos de seguridade, o que provocou a suspensión da circulación ferroviaria durante varias horas entre Moeche e Cerdido. Os pasaxeiros foron trasladados por estrada ata o apeadoiro de Entrambasrías.
A formación nacionalista tamén cuestiona as recentes afirmacións do Goberno sobre a mellora do material rodante en Galicia, no marco do denominado “Plan A Punto”. O Ministerio asegurara que se reforzara a frota ferroviaria galega para reducir incidencias e atrasos. O deputado do BNG reclama “total transparencia” para especificar en que consistiu exactamente ese reforzo, urxindo a detallar os modelos, liñas e servizos nos que se incorporaron novos trens e a aclarar se o convoi sinistrado formaba parte dese material supostamente renovado.
Para o BNG, o suceso de Moeche “cuestiona seriamente a veracidade desas afirmacións e evidencia que a situación do servizo ferroviario continúa sendo preocupante”. O deputado concluíu reclamando “investimentos reais e planificación rigorosa para garantir un transporte ferroviario digno e seguro para Galicia”, así como unha inspección exhaustiva de todos os trens de características similares que operan na rede de ancho métrico galega.




