Unha muller perdeu a vida este domingo despois de caer por un acantilado situado no cabo Prior, na localidade de Ferrol. A pesar dos esforzos dun amplo dispositivo de rescate e atención sanitaria, o 061 confirmou o falecemento, que se atribúe ao forte impacto sufrido durante a caída.
A alerta deuse ao redor das 11.00 horas cando un particular contactou coa central de emerxencias para informar sobre o suceso. Segundo o relato do alertante, a muller caeu pola parte baixa do cabo, na zona de Covas, e foi golpeada contra as rochas, o que dificultaba o acceso a ela.
Ao lugar desprazáronse de inmediato profesionais do 061 e de Salvamento Marítimo. A vítima foi atendida inicialmente na base do acantilado, un punto inaccesible para vehículos. Posteriormente, un helicóptero trasladouna ata o contorno do faro, onde esperaba unha ambulancia. Finalmente, confirmouse o seu falecemento.
Os Bombeiros de Ferrol, o Servizo de Gardacostas de Galicia e axentes da Policía Nacional e Local tamén foron informados dos feitos.




