O comunicado, impulsado pola Global Sumud Galiza, subliña que o ataque contra a flotilla non é un feito illado, senón unha prolongación da campaña militar sobre Palestina. Entre as entidades asinantes figuran organizacións sindicais e políticas con representación institucional na Galiza.
A flotilla zarpou debido á inacción da comunidade internacional. O Estado de Israel segue a levar a cabo un xenocidio nos Territorios Ocupados, destruíndo infraestruturas civís que a flotilla pretendía axudar a reparar.
As organizacións galegas consideran que o asalto en augas internacionais vulnera diversos tratados e convencións internacionais, incluíndo a Convención para a Prevención e Sanción do Delito de Xenocidio e a Convención da ONU sobre o Dereito do Mar.
No comunicado, as entidades reclaman ás forzas políticas con representación en Galicia que trasladen ao Goberno galego, ao Executivo español e ás institucións da Unión Europea unha serie de demandas urxentes. Entre elas, a liberación inmediata e incondicional de persoas palestinas detidas, protección diplomática para os arrestados e a apertura dunha investigación pública e independente sobre o asalto á flotilla.
Tamén solicitan a imposición de sancións económicas contra Israel e a depuración de responsabilidades polo “xenocidio en Gaza” e a “limpeza étnica en Cisxordania”. O texto pide ademais ao Goberno de Tunisia a liberación das organizadoras locais detidas.
As organizacións asinantes convocaron mobilizacións en diferentes puntos da Galiza con motivo do 78º aniversario da Nakba palestina, entre o 9 e o 17 de maio. En Santiago de Compostela, a mobilización do sábado 9 de maio partirá ás 12.00 horas da Praza Roxa e rematará na Praza de Cervantes. Ese mesmo día, Ferrol acollerá outra concentración ás 19.00 horas na Praza da Constitución, apoiada por máis de 31 colectivos.
As mobilizacións buscan lembrar a Nakba de 1948, cando máis de 700.000 palestinas e palestinos foron expulsados das súas casas. Segundo denuncian, “a Nakba continúa hoxe” mediante a ocupación e a represión. O comunicado tamén sinala a “complicidade internacional” de potencias occidentais e critica as relacións do Estado español con Israel.




