A iniciativa, enmarcada no programa de dinamización da Consellería de Política Social e Igualdade, busca fomentar o envellecemento activo e os hábitos saudables entre as persoas maiores a través da práctica deportiva adaptada.
A conselleira Fabiola García estivo presente no evento, compartindo a xornada cos participantes e subliñando a relevancia destas actividades para promover unha vida plena e activa na terceira idade.
Ademais dos usuarios da residencia ferrolá, asistiron residentes doutros dous centros públicos dependentes da Xunta: a residencia Torrente Ballester da Coruña e a residencia Porta do Camiño da capital galega.
Durante o encontro, os asistentes tiveron a oportunidade de iniciarse e practicar diversas disciplinas deportivas ao aire libre, como o golf, o pádel e o cróquet, contribuíndo así a combater o sedentarismo e a fortalecer as relacións sociais fóra dos seus centros habituais.




