A edificación, deseñada polo estudo santiagués Ameneiros Rey e executada por Coto e Estudio Construcciones, conta cunha superficie de 900 metros cadrados, dos cales 470 corresponden á propia piscina, situada na zona da Picota.
Un dos arquitectos, Santiago Rey, destacou o interese do contorno natural e a proximidade ao Castro de Petouzal, o que esixiu unha "certa sensibilidade" arquitectónica. A forma sinxela do edificio, a presenza dun vaso infantil de 30 centímetros e a prolongación da praia peatonal para cubrir os vestiarios son algúns dos seus trazos distintivos.
O proxecto, cun orzamento duns 420.000 euros, inclúe tamén unha zona de cantina e destaca polo uso de auga salgada con procesos de filtrado naturais, que supoñen case o 30% do custo total das instalacións.
Debido ao uso limitado a tres meses ao ano e á exposición á humidade e ao frío, optouse por materiais duradeiros e de fácil limpeza industrial, como pezas prefabricadas e formigón hidrófobo, ademais de ventilación natural.
As obras, iniciadas en setembro de 2023, sufriron un atraso de máis dun ano e medio. Segundo Rey, isto débese a problemas de organización e á lentitude das subcontratas, sumado a vacacións e mal tempo, aínda que descarta mala fe por parte da construtora, que se viu "completamente asoballada" pola situación.
A pesar das dificultades, a piscina é xa unha realidade e foi preseleccionada para os Premios Arquitectura 2026, ademais de ser finalista nos da Casa da Arquitectura. O Concello de Narón prevé a súa inauguración oficial para o vindeiro mes de xuño.




