A Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña (UDC), situada no Campus Industrial de Ferrol, organiza un evento conmemorativo este venres 9 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas, no Salón de Actos do Hospital Naval de Ferrol. A xornada celebra o Día Internacional da Podoloxía, destacando os 25 anos desde a graduación da primeira promoción de podólogos (1998 – 2001) e os 26 anos de funcionamento ininterrompido da Clínica Universitaria de Podoloxía na cidade, que abriu as súas portas o 31 de marzo do ano 2000.
Baixo o lema “25 anos de vocación, docencia e servizo á sociedade”, e enmarcada no XII Outubro UDC Saudable, a xornada busca achegar ao público o percorrido da titulación na UDC e a realidade actual da profesión. Participarán representantes académicos, institucionais, profesorado, alumnado e pacientes, compartindo as súas vivencias e experiencias ao longo deste cuarto de século.
Destácase a estreita colaboración entre a Facultade e a Área Sanitaria de Ferrol, fundamental para ofrecer ao alumnado unha formación teórica e práctica de calidade. Froito desta cooperación, estanse a ampliar os espazos de rotación formativa en podoloxía, coa implicación dos profesionais da Área Sanitaria.
O acto inaugural, previsto para as 12:00 horas, contará coa presenza da vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Ares Pernas; a presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, Ana María Requeijo Constenla; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística, Patricia Cons Formoso; a xerenta da Área Sanitaria de Ferrol, María Fernanda López Crecente; e o decano da Facultade, Pedro Gil Manso.
A xornada inclúe dúas mesas redondas. A primeira, ás 12:30 horas, centrarase nas orixes da titulación e da Clínica Universitaria. Intervirán Nuria Esther Varela Feal (exsubdirectora e exdecana), Julia María Janeiro Arocas (primeira coordinadora do título) e Francisco Alonso Tajes (primeiro coordinador da Clínica). Tamén participarán María Dolores Martínez Rodríguez (alumna da primeira promoción) e Pilar Pazos Casal (paciente).
A segunda mesa redonda, ás 13:00 horas, abordará a realidade actual da titulación e da Clínica. Participarán o decano Pedro Gil Manso, a directora do Departamento de Ciencias da Saúde, Carolina Rosende Bautista, e a directora da Clínica Universitaria, Raquel Veiga Seijo. Tamén intervirán Lois Vázquez Campos (presidente da AGEP UDC) e José Manuel García Romero (presidente da Asociación de Diabéticos de Ferrolterra).
A xornada finalizará ás 13:30 horas co descubrimento dunha placa conmemorativa nas instalacións da Clínica Universitaria Podolóxica, como recordo desta efeméride e da traxectoria de máis dun cuarto de século ao servizo da formación universitaria e da sociedade ferrolá.




