O rexedor destacou a figura de Caamaño, autora de obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, sinalando que "imprimiu unha pegada moi fonda na literatura galega contemporánea, a pesar de que nos deixou demasiado pronto".
Rey Varela tamén subliñou o papel protagonista de Ferrol en Morgana en Esmelle, novela que sitúa parte da súa trama na parroquia ferrolá, "o que demostra que Ferrol tamén pode ser escenario de grandes historias universais".
Así mesmo, eloxiou a traxectoria de Caamaño como xornalista "comprometida coa honestidade e o rigor", e concluíu o seu discurso incidindo en que o galego "non só pertence ao pasado, senón ao presente e ao futuro, igual que o legado de Begoña Caamaño".
O Concello de Ferrol tamén organizou outras actividades culturais no marco das Letras Galegas, como a exposición Ferrol nas Letras Galegas na praza de Armas, o concerto de Amancio Prada no teatro Jofre e o recital de Lenda Ártabra no centro cultural Torrente Ballester.




