O evento, que se estenderá durante 24 horas, comezará o vindeiro xoves, 9 de abril, ás 14:30 horas, no edificio da Exposición Permanente do estaleiro. Posteriormente, as actividades trasladaranse ao Campus Industrial de Ferrol, seguindo o formato de edicións anteriores.
Entre os participantes da UDC atópanse alumnos de últimos cursos do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e do máster en Enxeñaría en Deseño Industrial da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI). Tamén se suman estudantes de diversas enxeñarías como Mecánica, Naval e Oceánica, e Tecnoloxías Industriais, así como dos másteres en Enxeñaría Industrial e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, todos eles vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
Este hackathon representa unha oportunidade para fomentar a innovación e a colaboración, permitindo aos participantes experimentar coa transformación dixital e as SmartTech. Os equipos multidisciplinares contarán co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría, ademais de recibir charlas motivadoras por parte de persoal de Navantia.
Un xurado composto por expertos de Navantia e de ambas as escolas avaliará a adecuación, creatividade, viabilidade técnica e económica das solucións propostas. O equipo gañador será recompensado cunha bolsa de formación dun ano en Navantia Ría de Ferrol.



