O titular de Sanidade da Xunta de Galicia, o ferrolán Antonio Gómez Caamaño, destacou a importancia do persoal de enfermaría durante a apertura da II Xornada de Enfermería da Área Sanitaria de Ferrol, baixo o lema "Nuestros profesionales, nuestro futuro: 50 años cuidando y avanzando". Este evento conmemora o 50 aniversario do Hospital Arquitecto Marcide, un centro referente na comarca de Ferrolterra.
Acompañado pola xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, e o alcalde, José Manuel Rey Varela, Gómez Caamaño subliñou o compromiso da Xunta coa mellora das condicións laborais e a estabilidade do persoal de enfermaría, buscando un "entorno seguro e organizado" para garantir unha atención de "máxima calidade".
O conselleiro tamén fixo fincapé na "aposta firme" do goberno galego pola especialización da enfermaría, especialmente en atención familiar e comunitaria, e impulsando novos modelos asistencias "máis próximos e integrados". Mencionou a creación en 2024 da Unidade de Procesos de Enfermería para mellorar a coordinación e a calidade da atención ao paciente.
Fronte aos retos da sanidade galega como o envellecemento da poboación, a cronicidade e a dispersión xeográfica, Gómez Caamaño avogou por fórmulas "máis flexibles e resolutivas" para achegar os coidados ao domicilio. Agradeceu a implicación do colectivo, cualificándoo como "unha categoría profesional imprescindible" e sinalou que varias profesionais de enfermaría de Ferrol foron recoñecidas a nivel nacional.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, resaltou que a enfermaría "xira arredor do coidado das persoas" e asegurou que os seus profesionais están "hoxe máis preparados ca nunca". Agradeceu a presenza do conselleiro e o compromiso da Xunta coas melloras nas instalacións sanitarias da cidade, en referencia ás obras de ampliación no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).




