A aposta polo turismo de cruceiros como motor de transformación urbana e económica para Ferrol deu un paso significativo na feira Seatrade Cruise Global de Miami. O director da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jesús Casás, presentou xunto a Global Ports Holding (GPH) os ambiciosos plans para o porto, un proxecto que prevé multiplicar por catro o número de pasaxeiros e escalas de aquí a 2030.
Durante a súa intervención no expositor de GPH, Casás salientou a importancia de incorporar ao “mellor operador de terminais do mundo” a unha cidade que leva séculos “aberta ao mar”. Segundo trasladou a Autoridade Portuaria, o director destacou que esta alianza completa a peza que faltaba na estratexia portuaria.
“"Reforzar o tráfico de cruceiros cunha terminal cuxas capacidades reflictan o potencial turístico da cidade e da rexión."
O proxecto, recentemente adxudicado a GPH en España, centrarase no desenvolvemento dunha terminal en Ferrol que impulse o aumento da actividade cruceirística, preservando a identidade cultural e as paisaxes costeiras de Galicia. A compañía, que opera tamén en Las Palmas e prepara a súa chegada a Sevilla, identifica Ferrol como un destino con gran potencial para ofrecer experiencias rexionais auténticas.
Casás fixo especial fincapé no impacto local da operación. A colaboración plena entre GPH, a Autoridade Portuaria e as administracións locais e rexionais será clave para desenvolver servizos en terra e captar novas liñas de cruceiros. O director portuario concluíu a súa intervención en Miami cunha mensaxe de benvida ao novo operador, lembrando a capacidade técnica das instalacións.
“"O noso Porto de Ferrol, con capacidade para acoller a calquera cruceiro do mundo, dá a benvida a Global Ports Holding e a todas as compañías navieiras!"




