Tras varios meses de investigación, os individuos foron detidos e está previsto que este venres pasen a disposición do Xulgado de Ferrol, que decretou o segredo de sumario sobre a causa. A operación culmina un traballo exhaustivo para frear a actividade delituosa que afectaba a diversos negocios da zona.
O modus operandi do grupo consistía en roubos “exprés”, nos que accedían aos locais rompendo cristais para facer butróns. Unha vez dentro, os sospeitosos, que actuaban encapuchados, dirixíanse principalmente ás máquinas comecartos, que eran o seu obxectivo principal. Esta forma de actuar coincide coa vaga de roubos que se rexistrou na cidade naval durante os meses de febreiro e marzo.
Entre os establecementos afectados atópanse locais como o Corchea e a cafetería Avenida na praza de España, La Bodega de la Estrella en Esteiro, o Rueiro das Meninas en Canido e a Cafetería Teima en Fene. Agora, a Policía Nacional da Comisaría de Ferrol-Narón e o Xulgado deberán determinar se este grupo desarticulado pola Garda Civil é tamén responsable da inquietude xerada no sector hostaleiro ferrolán.
Cabe lembrar que a Policía Nacional xa realizara detencións a finais de febreiro, acusando a dous individuos de roubos con forza en locais, tamén con máquinas de cambio como obxectivo. Non obstante, a vaga de furtos “exprés” intensificouse despois desa data, o que suxire a posible implicación de máis grupos ou a continuidade da actividade delituosa.




