Os arrestos producíronse despois de meses de investigación por parte da Policía Xudicial da Garda Civil. Está previsto que os detidos presten declaración ante o Xulgado de Instrución de Ferrol ao longo deste venres.
As pescudas indican que a banda concentrou a súa actividade delituosa durante os meses de febreiro e marzo, empregando un método de actuación áxil e violento. Os asaltantes operaban en franxas de tempo moi curtas, de entre un e tres minutos. Para acceder aos locais, fracturaban os cristais con mazas ou martelos grandes. Unha vez dentro, dirixíanse directamente ás máquinas comecartos para forzalas e levar a recadación. En todos os casos, os sospeitosos cubrían o rostro con carapuchas para dificultar a súa identificación.
Entre os establecementos afectados por esta vaga de roubos atópanse negocios emblemáticos da cidade naval como o Corchea e Avenida —este último asaltado en dúas ocasións, chegando os ladróns a reventar a mesma luneta reparada a semana anterior—, na praza de España, A Bodega da Estrela no barrio de Esteiro ou o Rueiro das Meninas en Canido. As accións delituosas estendéronse tamén a outros municipios da demarcación, como Fene, onde atacaron a Cafetería Teima.
Agora, o foco da instrución céntrase en determinar se o grupo neutralizado pola Benemérita é o mesmo que cometeu outros roubos que xeraron preocupación no sector, feitos que permanecen baixo investigación da Policía Nacional na Comisaría de Ferrol-Narón. Cabe lembrar que, o pasado mes de febreiro, xa se producira a detención doutro conxunto de persoas por accións semellantes na zona de Narón, aínda que os asaltos non cesaron e continuaron posteriormente no casco urbano ferrolán. Os hostaleiros, principais prexudicados, reclamaran publicamente maior axilidade nas investigacións para frear esta escalada delituosa.




