A investigación, titulada «Qualitative Risk Analysis on the Use of SMR for Maritime Nuclear Propulsion Using HAZID and HAZOP Methodologies», céntrase nos perigos dos reactores de sales fundidas (MSR) e a súa posible aplicación na propulsión naval. O traballo está asinado por José Miguel Mahía (UDC), Diogo Faustino e Sandrina Pereira (Escola Superior Náutica Infante D. Henrique).
Os resultados presentáronse na Conferencia Anual da Asociación Internacional de Universidades Marítimas (IAMU), celebrada en Split (Croacia) do 7 ao 10 de outubro, onde Sandrina Pereira expuxo o estudo.
O estudo analiza o potencial dos Small Modular Reactors (SMR) como alternativa enerxética para descarbonizar o transporte marítimo, destacando o seu tamaño reducido, sistemas de seguridade pasiva e potencial para reducir emisións. Seleccionouse como caso de análise un reactor de sales fundidas (MSR), unha tecnoloxía de cuarta xeración (GEN-IV) que opera a baixa presión e con mecanismos de seguridade pasiva.
Aplicáronse as metodoloxías internacionais HAZID e HAZOP para identificar e avaliar os riscos, obtendo unha visión global e unha análise detallada das posibles desviacións operativas e as súas consecuencias para a seguridade a bordo.
“"Os SMR representan unha tecnoloxía con potencial para contribuír a descarbonizar o transporte marítimo mantendo os elevados niveis de autonomía, fiabilidade e seguridade que esixe o sector."
A investigación sinala que, ademais das oportunidades para reducir emisións, os MSR presentan retos como a circulación das sales fundidas, a evacuación do calor residual, o control da reactividade e a corrosión dos materiais. A Comisión Europea e sociedades de clasificación como DNV, Lloyd’s, Bureau Veritas e ABS tamén impulsan e recoñecen o potencial dos SMR para a propulsión marítima.




