O grupo de investigación Histagra da USC, en colaboración coa Deputación da Coruña, coordina os traballos históricos e arqueolóxicos nestas fosas. A primeira fase de escavación terá lugar entre o luns 31 de agosto e o venres 11 de setembro.
Dende Histagra fan un chamamento á colaboración de todas as familias das vítimas da violencia franquista que foron soterradas en Serantes. Tamén solicitan axuda á veciñanza e a calquera persoa que dispoña de datos relevantes para poder completar o estudo histórico.
As persoas interesadas en colaborar poden contactar co equipo de investigación a través do correo electrónico histagra@usc.gal.
Segundo os datos dispoñibles, polo menos 197 persoas foron asasinadas e soterradas neste cemiterio. A páxina web "Nomes e Voces" dispón dun apartado específico sobre a fosa do cemiterio de Serantes onde se poden consultar os nomes das vítimas.




