O tramo da rúa da Igrexa, entre a praza de Galicia e o final da Cuesta de Mella, sufriu un bloqueo total da circulación na tarde do martes. A situación produciuse cando un vehículo impediu o xiro dun autobús na esquina do Jofre, nunha zona que fora acoutada e pechada para garantir o paso de vehículos pesados debido ás obras en Irmandiños.
O propietario dun monovolume Volkswagen apartou o valado e estacionou o coche nunha praza destinada a persoas con mobilidade reducida. Isto imposibilitou que un autocar da liña Porto-O Puntal puidese continuar a súa ruta ao redor das 18:15 horas, obrigando a deterse a todos os vehículos que circulaban detrás.
A Policía Local de Ferrol desprazouse ao lugar mentres os coches se acumulaban na vía e os condutores facían soar os cláxons ante a confusión. Un axente guiou á condutora do autobús para realizar a manobra de forma segura. Pouco despois das 18:30 horas, o dono do vehículo apareceu para retira-lo.
Unha vez liberado o paso, a circulación comezou a fluír de novo tanto na rúa da Igrexa como nas rúas adxacentes, que tamén se viron afectadas polas retencións. O condutor do vehículo mal estacionado foi proposto para sanción polos axentes municipais.




