A Unidade de Saúde Mental (USM) do centro de saúde de Caranza, no Concello de Ferrol, trasládase de xeito provisional ao andar 0 do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este cambio realízase mentres se levan a cabo obras de reforma na sede orixinal para a súa mellora. A intervención, que se estima durará arredor de catro meses, comezará a partir deste xoves 19.
Na Unidade de Caranza traballan cinco profesionais: dous psiquiatras, un psicólogo clínico, unha enfermeira especialista en Saúde Mental e un administrativo. A atención desta unidade abrangue a preto de 50.000 persoas da Área de Ferrol.
O obxectivo principal do proxecto de reforma é a humanización da unidade, que incluirá unha reforma estrutural e a dotación de novo mobiliario. Búscase crear "unha Unidade de saúde mental máis accesible a todas as persoas; e, de xeito paralelo, xerar unha contorna amigable e acolledora que invite á tranquilidade e á reflexión, tan necesarias en pacientes que padecen enfermidades mentais", segundo fontes do Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario.
A intervención tamén persegue a creación dunha contorna terapéutica que facilite a comunicación, a recuperación e a psicoterapia, considerando este espazo como un axente terapéutico activo. Introduciranse elementos cómodos e confortables, cores suaves para facilitar a relaxación e a expresión emocional, e o espazo será polivalente para adaptarse ás necesidades individuais de cada paciente.
Esta intervención realízase con cargo aos fondos asociados ao Plan de acción de saúde mental 2025-2027 do Ministerio de Sanidade.




