O reitor da UDC, Ricardo Cao, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, formalizaron hoxe estes acordos, que supoñen un novo impulso para as infraestruturas científicas e tecnolóxicas da Universidade da Coruña e consolidan o papel do Campus Industrial de Ferrol como un dos principais polos de investigación aplicada e transferencia cara ao tecido produtivo galego.
A principal actuación é a construción do novo Edificio de Investigación e Innovación da Industria Intelixente (EI3), cun investimento total de 13,1 millóns de euros, financiado integramente pola Xunta. Esta infraestrutura estará especializada nos ámbitos da enxeñaría industrial e naval e dotarase de equipamento avanzado para impulsar proxectos estratéxicos relacionados coa fabricación aditiva, a Industria 4.0 e o desenvolvemento tecnolóxico.
O novo edificio, cuxa finalización está prevista para finais de 2029, acollerá as instalacións do Centro de Investigacións en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia (CEMI). Integrará 13 laboratorios e arredor de 175 investigadores e investigadoras, ademais de concentrar instrumentación avanzada para traballos en materiais, enerxía, fabricación avanzada, láseres, polímeros, robótica, química e radioactividade.
Ademais, os acordos permitirán investir 1,86 millóns de euros na renovación dos recursos científico-técnicos e docentes da Universidade da Coruña. Actuacións que beneficiarán centros como o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), así como a incorporación de simuladores clínicos, microscopios e outras ferramentas dixitais para o estudantado.




