O sindicato CGT en Navantia Ferrol manifestouse este mércores nas portas do estaleiro en solidariedade cos dous traballadores que levan nove días encerrados nas instalacións de San Fernando (Cádiz). Durante o acto, Javier Losada, representante sindical, criticou duramente tanto á dirección da empresa pública como ao comité intercentros, ao que acusou de emitir un comunicado "infame" e "vergoñento" por negar a existencia de "listas negras" na compañía.
“"Isto non é folclore, é necesario."
Losada subliñou a necesidade de visibilizar o conflito da Bahía de Cádiz e de romper o illamento que, segundo el, sofren os traballadores máis combativos. O dirixente da CGT tamén denunciou as condicións extremas nas que se atopan os operarios encerrados, Manolo e Jesús, líderes da Coordinadora de Traballadores do Metal de Cádiz, quen permanecen nun guindastre sen electricidade e practicamente incomunicados.
O representante sindical afirmou que existe unha campaña deliberada para presentar aos encerrados como buscadores de "privilexios", unha "auténtica falacia" xa que son soldadores altamente cualificados. Losada responsabilizou directamente á dirección de Navantia, declarando que a empresa "non é un observador das listas negras; Navantia é organizadora das listas negras aquí dentro". Segundo a CGT, cando unha empresa auxiliar contrata a un traballador con historial sindical combativo, é a propia Navantia quen impide o seu acceso ás instalacións.
O portavoz da CGT cualificou o último comunicado do comité intercentros como "unha auténtica vergoña" por "lavar a cara e branquexar a Navantia". Losada recordou un precedente na ría de Ferrol de hai dúas décadas, cando se produciu un "despedimento masivo" de 167 traballadores da industria auxiliar na empresa Nervión, moitos dos cales non puideron volver traballar nos estaleiros.
Ante esta situación, a CGT anunciou que na asemblea de traballadores prevista para este xoves, 16 de abril, proporán unha mobilización contundente na factoría de Ferrol. Losada concluíu enviando unha mensaxe de "ánimo e agradecemento" aos traballadores encerrados, aos que cualificou como "un exemplo para o movemento obreiro".




