O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobou a declaración de innecesariedade de terreos de titularidade do ente público que non rexistran actividade portuaria no municipio de Cedeira. Esta declaración formaliza a conformidade de Portos de Galicia para a reversión destes terreos ao Estado coa finalidade de que este decida sobre a súa transferencia ao concello, tal como demanda a administración local.
Coa aprobación da declaración de innecesariedade de terreos en Cedeira, Portos de Galicia remata a tramitación das solicitudes municipais de reversión ao Estado de solo portuario sen actividade nunha vintena de portos autonómicos. O de Cedeira é o último dos expedientes aprobados.
Tras ser aprobado polo Consello da Xunta, o expediente remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a administración competente para decidir se acepta a reversión e, posteriormente, se os cede ou non aos concellos.
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, explicou que hoxe se aprobaron un total de 22 propostas de reversión en municipios como A Guarda, A Pobra do Caramiñal, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, A Illa de Arousa, Laxe, Moaña, Mugardos, Oleiros, O Grove, Poio, Ponteceso, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Portos de Galicia aínda agarda resposta do Goberno central a ningunha destas propostas.




