O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público o concurso para a execución da ampliación e reforma do parque infantil de Floreal. A actuación conta cun orzamento de 77.920,06€ (IVE incluído) e financiarase integramente a través do programa provincial POS+2026. O recinto, situado nunha praza con moita afluencia de veciñanza, pasará dos 124 metros cadrados actuais aos 201.
O proxecto prevé a instalación de dous elementos de xogo grandes e singulares: un xogo para gabear que simulará a torre de vixilancia dun barco pirata, e unha estrutura múltiple imitando a proa e a popa dun barco, cunha escada horizontal entre ambas partes e randeeiras de diferentes alturas. Tamén se incluirá unha randeeira con dous asentos, un deles para bebés, e un balancín adaptado para nenos e nenas con mobilidade reducida.
Os xogos actuais –unha randeeira, dous balancíns, un tobogán e unha mesa de picnic– serán levantados, acopiados e colocados de novo. Todos os elementos, incluídos os existentes, serán certificados por unha empresa homologada. A obra tamén contempla a demolición da balaustrada de formigón actual e a reutilización do cerramento metálico instalado no 2022, coa correspondente ampliación para o novo tamaño do parque. Cambiarase tamén o chan do recinto.
Este proxecto súmase á renovación doutros dous parques de xogos na zona de San Isidro, cuxas obras remataron este verán cun investimento de preto de 247.000€.




