O Concello de Ares volve ser recoñecido pola súa labor na promoción da lectura coa Campaña de Animación á Lectura María Moliner. Nesta ocasión, a distinción vén acompañada dunha achega de 2.777,77 euros, que se destinarán a seguir fortalecendo o fondo bibliográfico e os recursos da biblioteca municipal.
A proposta premiada, titulada «Entre libros, talleres e xogos… imos medrando», céntrase en achegar a lectura á infancia a través de tres eixos fundamentais: os libros, para fomentar un vínculo positivo coa lectura desde idades temperás; os talleres, como espazos de aprendizaxe, participación e creatividade; e os xogos, como ferramenta para o crecemento persoal, a socialización e a estimulación da imaxinación.
Esta iniciativa subliña o papel da biblioteca como un espazo aberto, próximo e accesible, promovendo a aprendizaxe e o goce da cultura en familia. Con este novo galardón, a Biblioteca Municipal de Ares acumula xa un total de 9 distincións María Moliner, incluíndo 8 na categoría ordinaria e un premio extraordinario de 10.000 euros obtido na edición anterior.
Este recoñecemento supón un novo impulso para consolidar a biblioteca como un punto de encontro clave para a lectura, a cultura e a veciñanza de Ares.




