O acordo, aprobado pola Xunta de Goberno Local, facilitará información e promoverá a sensibilización social sobre a importancia de ofrecer novas oportunidades a adolescentes que atravesan situacións complexas. O programa CONVIVE.COMigo, desenvolvido pola Asociación ARELA, busca persoas e familias dispostas a acoller temporalmente no seu fogar a adolescentes aos que se lles impuxo unha medida xudicial de convivencia.
O obxectivo é proporcionarlles un ambiente estable, educativo e positivo que favoreza o seu desenvolvemento persoal, a adquisición de hábitos de convivencia e a súa integración social, contribuíndo tamén a previr posibles situacións de reincidencia. A Asociación ARELA encargarase da valoración, selección, formación e seguimento profesional das familias colaboradoras.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou que "con este convenio queremos abrir unha porta á solidariedade das familias do noso concello e contribuír a que estes mozos e mozas poidan atopar unha contorna de convivencia que lles axude a reconducir a súa situación e construír novas oportunidades de futuro".
A concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, engadiu que "non se trata só de ofrecer un fogar, senón de brindar comprensión, acompañamento e unha oportunidade para avanzar nunha etapa especialmente importante da vida". O Concello actuará como punto de información e difusión, mentres que ARELA asumirá as tarefas técnicas.




