Manuel López Alonso tomou posesión como novo enxeñeiro municipal do Concello de Silleda nun acto celebrado na Casa do Concello. O novo técnico, que se adscribirá ao departamento de Urbanismo e Obras, chega para atender as necesidades dun servizo con alta carga de traballo administrativo e técnico.
A praza, orixinariamente da Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2023, tivo que ser reactivada tras a renuncia da persoa seleccionada inicialmente. Unha nova convocatoria en xuño de 2025 atraeu oito aspirantes, sendo Manuel López Alonso quen obtivo a praza tras superar todas as fases do proceso selectivo.
“"Permitirá seguir reforzando a estrutura técnica do Concello e, especialmente, un departamento tan importante como Urbanismo, cun volume de traballo crecente e cun papel fundamental tanto na xestión diaria como no desenvolvemento de novos proxectos e actuacións municipais."
A alcaldesa, Paula Fernández Pena, destacou a importancia desta incorporación para a estrutura técnica municipal, especialmente no departamento de Urbanismo. Deulle a benvida ao novo enxeñeiro e desexoulle "moitos éxitos nesta nova etapa profesional ao servizo da veciñanza de Silleda".
Esta contratación enmárcase no proceso de reforzo e estabilización do persoal municipal que o Concello de Silleda vén desenvolvendo nos últimos anos a través das súas ofertas públicas de emprego.




