A ruta, de aproximadamente 7 quilómetros, partirá das Insuas de Gres (Ponte Ledesma) e finalizará na área fluvial de Cira, percorrendo a marxe do río Ulla ata a confluencia co Deza, coñecida como Xunta dos Ríos.
A saída está programada para as 9:30 horas, cun servizo de autobús que sairá da parada de autobuses de Silleda, con recollida en Bandeira e regreso desde Cira. O percorrido inclúe interpretación do patrimonio, paisaxes fluviais e puntos de interese como a Fundación Neira Vilas e o Sistema Fluvial Ulla-Deza.
A inscrición está aberta no Concello de Silleda ata o mércores 30 de setembro, chamando ao 986 580 000 ou escribindo a cultura@silleda.es. A actividade é gratuíta pero con prazas limitadas.
Recoméndase o uso de calzado cómodo e resistente á auga, así como roupa axeitada á climatoloxía.
A iniciativa Goza do Ulla busca promover o turismo sostible e dar a coñecer o patrimonio dos territorios ribeiráns do Ulla. Nesta edición, Cira (Silleda) comparte protagonismo con Gres (Vila de Cruces).




