A parroquia de Escuadro foi o escenario hoxe da estrea dun novo modelo de dinamización rural impulsado polo Concello de Silleda. A apertura do primeiro Centro da rede Silleda Dinamiza congregou a numerosos veciños nunha xornada de convivencia que serviu para presentar esta iniciativa pioneira. O obxectivo principal é revitalizar os espazos sociais do rural e a vocación é que este modelo se estenda progresivamente a outras zonas do municipio.
A resposta da veciñanza marcou esta primeira xornada, que se desenvolveu durante toda a tarde e que incluíu a actuación do grupo de música tradicional O Son da Fervenza. O encontro serviu para dar a coñecer o funcionamento do centro, que a partir de agora operará como un punto estable de encontro e convivencia diaria para a parroquia.
Esta primeira experiencia de Silleda Dinamiza realízase en colaboración coa Asociación de Mulleres de Escuadro, utilizando o centro social parroquial e a actividade comunitaria que xa viña desenvolvendo este colectivo. A proposta busca ir máis alá do uso puntual destes espazos, promovendo que estean máis presentes no día a día e faciliten a reunión e participación da veciñanza.
A programación futura do Centro Dinamizador incluirá obradoiros, charlas, actividades culturais, encontros interxeracionais e iniciativas sobre saúde, benestar, participación comunitaria e natureza, adaptándose ao longo do ano.
Ademais, a posta en marcha deste proxecto en Escuadro supón a recuperación do Centro de Interpretación da Natureza, situado na antiga escola parroquial. Este equipamento municipal, próximo ao centro social, reabre as súas portas para complementar as actividades do proxecto e poñer en valor tanto o edificio como os seus contidos sobre a contorna natural local, incluíndo rutas como a da Fervenza da Férveda ou Penadauga.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, destacou o éxito da xornada inaugural, confirmando a demanda de espazos deste tipo nas parroquias. "Silleda Dinamiza nace precisamente para iso: para aproveitar mellor os recursos que xa temos, abrir portas e xerar vida arredor dos nosos centros sociais", sinalou.
Fernández Pena subliñou o carácter piloto da experiencia de Escuadro e a intención de estender este modelo a outras zonas rurais de Silleda, adaptándose ás características e necesidades de cada parroquia e traballando co tecido asociativo e a veciñanza. O Concello busca optimizar recursos e recuperar espazos para a vida comunitaria.




