A Deputación de Pontevedra deu luz verde ao reparto de máis de 1,65 millóns de euros entre os concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Silleda. Estes fondos pertencen a Vía Depo, o novo plan provincial deseñado para reparar as estradas de titularidade municipal que resultaron danadas polos temporais do pasado inverno.
Este plan extraordinario conta cunha dotación total de 8 millóns de euros e está dirixido aos 59 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. A Xunta de Goberno da institución provincial xa aprobou o reparto do 82% destes fondos, o que suma un total de 6,6 millóns de euros distribuídos entre 49 concellos.
No caso específico das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, os concellos recibirán as seguintes achegas: Agolada contará con 183.000 € para sete tramos; Dozón, con 114.000 € para catro camiños; A Estrada, con 366.000 € para vías distribuídas polas súas parroquias; Forcarei, con máis de 194.000 € para rúas e camiños; Lalín, con 376.000 € para a rehabilitación superficial de varios camiños; Rodeiro, con 190.000 € para a reparación da rede viaria municipal; e Silleda, con 228.000 € para a mellora de vías nas parroquias de Breixa e Parada.
O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto realizouse apenas catro meses despois da aprobación do programa, respondendo así ás demandas dos alcaldes e alcaldesas. "En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos", sinalou.
O programa Vía Depo naceu co obxectivo de atender diversas necesidades municipais, con especial énfase no mantemento e mellora das estradas, os accesos a recursos naturais e a reparación de danos causados polos temporais. O plan establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe segundo criterios obxectivos como a superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.




