O Concello de Silleda completou a transformación da antiga escola de Cortegada nun Centro TIC do rural. Esta actuación busca recuperar o inmoble municipal e dotalo dun novo uso social, formativo e tecnolóxico ao servizo da veciñanza, contribuíndo á redución da fenda dixital e á mellora das competencias dixitais.
As obras de reforma e acondicionamento interior, executadas pola empresa Calicanto Obras y Proyectos S.L. cun importe de 55.044,32 euros (IVE incluído), contaron cun 90% de financiamento a través do programa LEADER, xestionado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte, con fondos FEADER, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. O investimento complétase con fondos municipais.
Esta intervención dá continuidade á primeira fase de mellora da envolvente exterior realizada en 2023, financiada con fondos municipais. A actuación agora rematada permitiu habilitar dúas salas polivalentes preparadas para usos TIC, un aseo accesible e un espazo de apoio e almacén, ademais de melloras nas instalacións, illamento, ventilación, fontanaría, electricidade, protección contra incendios e eficiencia enerxética.
O resultado é un equipamento polivalente que permitirá acoller accións formativas, obradoiros e actividades de divulgación tecnolóxica, facilitando á poboación do rural o acceso a recursos dixitais. A iniciativa enmárcase na aposta do Concello pola recuperación de inmobles municipais nas parroquias.
O novo Centro TIC será presentado á veciñanza este xoves 17 de setembro, ás 19:00 horas, nun acto de inauguración nas propias instalacións da antiga escola de Cortegada.




