A publicación National Geographic elaborou unha selección dos 'hoteis wellness imprescindibles' de España, nos que se convida a experimentar o benestar e coidar o corpo e a mente. Entre os seis establecementos elixidos, atópase un hotel compostelán, recoñecido pola súa singularidade e a súa oferta de relaxación.
Este 'hotel moi especial' é A Quinta da Auga, o único Relais & Châteaux de Galicia. National Geographic descríbeo como un refuxio concibido para acoller e mimar aos hóspedes, máis que un simple hotel. Está situado nas aforas de Santiago, rodeado por un frondoso bosque de carballos centenarios e á beira do río Sar, nunha antiga fábrica papeleira do século XVIII.
“"Integrado á perfección na contorna e baixo os parámetros da sustentabilidade ambiental, o hotel é un recuncho de sensacións onde a xente pode perder a noción do tempo e aprender iso que é non facer nada."
A publicación tamén subliña a estética e personalidade do hotel. As súas 51 habitacións, todas distintas e 'tremendamente acolledoras', posúen 'un encanto incomparable e unha decoración deliciosa'. Cada unha delas foi deseñada individualmente, mesturando elementos clásicos e contemporáneos, e mantendo unha conexión directa coa contorna natural, ofrecendo vistas á paisaxe que rodea o complexo.
Este recoñecemento non é o primeiro para A Quinta da Auga. Hai dous anos, o xornal The Times xa o recomendaba entre os lugares máis destacados para aloxarse nunha visita a Galicia, consolidando a súa reputación internacional.




