Baixo o lema "Taboada unida pola Ela", o Campo da Feira foi o escenario dun evento organizado por Tatiana Badiola Penas, diagnosticada de ELA en 2021, a través do seu proxecto RevÉLAte. A xornada, adiantada á conmemoración do Día Mundial contra a ELA, tivo como obxectivo principal recadar fondos para a asociación e concienciar sobre a enfermidade.
O evento superou as expectativas da organizadora, quen destacou o "ambiente cercano, humano e moi participativo" e a implicación de todos os artistas. "Estou moi contenta. Ha superado mis expectativas en todos los sentidos", afirmou Badiola, quen cualificou a experiencia cun "100 sobre 10" pola "implicación, cariño e solidariedade" demostrada.
“"Nos quedamos con ganas de volver a repetir."
A xornada contou cun cartel musical que incluíu a artistas como Silvia Penide, Menina, Los Camachuelos, Phantom Mollo, Catuxa Salom, Ángel Novcad e Marta Darcos. Ademais, houbo un recital poético, venda de produtos, rifas, un bingo solidario, servizo de bar e unha food truck. As persoas voluntarias do entorno de RevÉLAte amosáronse "felices e moi satisfeitas" co desenvolvemento da xornada e a resposta da xente.
A recadación, que se achegou aos 1.000 euros, destinarase a Agaela. A familia de Tatiana Badiola, incluíndo as súas irmás Ainhoa e Yariza, o seu marido Dani Fernández e a súa nai Mónica, tamén estivo presente, subliñando o importante papel que xogan as familias e as asociacións no coidado dos afectados.
Tatiana Badiola é unha das 14 persoas en Galicia con axuda estatal recoñecida pola Lei ELA. Non obstante, os afectados sinalan a necesidade dunha estrutura de coidados máis robusta e profesionais especializados, especialmente en zonas rurais como Taboada, onde o acceso a estes recursos resulta máis complexo.




