O Concello de Valga vén de dar un novo paso para que o municipio conte cunha residencia para persoas maiores e dependentes. Nos últimos días iniciouse a tramitación administrativa ante a Xunta de Galicia, solicitando os primeiros permisos e informes sectoriais necesarios para poder iniciar as obras no lugar de Gándara. O obxectivo é axilizar ao máximo os prazos para facer realidade unha infraestrutura que consolidará aínda máis a Valga como un dos concellos de referencia na atención e servizos sociais.
O proxecto da residencia, presentado no seu día pola conselleira de Política Social e a empresa Serge, suporá un investimento de entre 10 e 12 millóns de euros para habilitar un edificio de entre 7.500 e 8.000 metros cadrados divididos en dúas plantas. Máis alá de contar con 150 prazas, o complexo nace coa vocación de converterse nun polo de innovación e, para iso, incluirá un Centro de Investigación e unha unidade de recuperación do ictus, para os que se establecerán convenios coas universidades galegas e que contarán con aulas de formación.
“"É por isto que será un proxecto “pioneiro en Galicia"
En canto á residencia, dividirase en diferentes módulos e unidades. Cada unha delas contará con habitacións, zona de comedor e sala de estar e convivirán un máximo de 25 ou 30 usuarios para un maior benestar e confort. Ademais, algunhas destas unidades terán usos específicos para o tratamento e coidado de persoas con diferentes doenzas.




