O titular do Executivo autonómico estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; o alcalde, José María Bello Maneiro; a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez; e o concelleiro José Ángel Souto. A presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, guiou a comitiva polas novas escenas incorporadas nesta edición.
A decisión de abrir as portas unha semana antes do habitual tivo unha resposta moi positiva. Ao longo destes días chegaron a Valga autobuses procedentes de distintos puntos de Galicia e do resto de España, así como visitantes internacionais, destacando un grupo de turistas italianos. Mari Carmen Castiñeiras valorou positivamente os resultados: “A inauguración tan cedo tivo unha boa acollida. Pensabamos que esta semana non habería moito movemento, pero ao contrario, estamos moi contentos co adianto, saíu moi ben”.
“"Para o Belén e para Valga é moi importante a visita do presidente da Xunta, unha forma de respaldar o traballo que vén facendo este grupo de persoas."
O rexedor lembrou que non é a primeira ocasión na que Rueda se achega a coñecer a montaxe e expresou o desexo de manter a colaboración autonómica. A partir do vindeiro luns, comezarán as visitas concertadas para centros educativos, asociacións e outros grupos organizados.




