Os vinte alumnos participantes no Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, que busca adquirir competencias nos oficios de carpintería e traballos forestais, recibiron nos últimos días unha formación complementaria en materia de igualdade. Este módulo, cunha duración total de 10 horas, foi impartido por Sergio Muñiz, técnico do Centro de Información á Muller (CIM) de Valga e Moraña.
O obxectivo principal desta formación foi dotar o alumnado de ferramentas para comprender a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, fomentando a súa contribución ao desenvolvemento social mediante o acceso en igualdade de condicións ao mercado laboral. A atención centrouse especialmente na conciliación e na corresponsabilidade.
Durante as sesións tamén se abordaron os diferentes plans e políticas institucionais destinados á loita contra a discriminación laboral. O programa serviu ademais para afondar na concienciación sobre o problema social da violencia de xénero, dando a coñecer os recursos existentes, así como os programas e medidas preventivas dispoñibles.
Con esta actividade transversal, o Obradoiro de Emprego Ulla-Umia busca reforzar a preparación integral do alumnado, combinando a aprendizaxe técnica en sectores tradicionalmente masculinizados coa sensibilización en valores de equidade e inclusión profesional.




