A compañía xustifica esta decisión nun plan de “transformación operativa” co obxectivo de adaptar o seu negocio ao mercado actual. Segundo explicou a dirección, a medida busca asegurar a viabilidade da empresa e xerar valor a longo prazo, fronte a un contexto de aumento dos custos operativos e cambios nos hábitos de consumo.
Os despedimentos afectarán a empregados de oficinas, equipos de vendas, centros de distribución e algúns centros de produción. Entre os centros afectados figuran Pontecesures (Pontevedra), Sebares (Asturias), La Penilla (Cantabria), Miajadas (Cáceres), Reus (Tarragona) e Girona. A empresa, que actualmente conta con 4.158 traballadores, sinalou que a evolución do sector do gran consumo, o avance da marca de distribución e a necesidade de automatización e dixitalización dos procesos son factores clave nesta decisión.
“"A nosa vontade é afrontar este procedemento baixo os principios de transparencia e respecto, buscando minimizar o impacto no emprego."
A decisión foi adoptada tras unha “análise exhaustiva das estruturas operativas e a implementación de diversas medidas previas de contención de custos”. A empresa anunciou que negociará cos sindicatos para explorar medidas que minimicen o impacto laboral e ofrecer o apoio necesario aos profesionais afectados.




