O conselleiro de Emprego, José González, advertiu a Nestlé de que a Xunta non vai "mirar para outro lado" ante un expediente de regulación de emprego (ERE) "difícil de entender" na súa planta de Pontecesures, que prevé o despedimento de 27 traballadores. En resposta a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento galego, o conselleiro esixiu explicacións "rigurosas" á multinacional por unha fábrica que "non é secundaria" no Estado e considerou incomprensible esta medida nunha planta con "moita carga de traballo", na que "se están a pagar horas extraordinarias, fins de semana e a utilizar ETT e subcontratas".
Así, o titular de Emprego manifestou a "preocupación" da Xunta por unha fábrica "estratéxica para Galicia", polo que asegurou que non haberá "silencio nin pasividade" debido á "obrigación institucional de defender a industria galega". O conselleiro defendeu que o Goberno galego "actuou con rapidez" desde o mesmo día en que se comunicou o ERE, mantendo contactos coa dirección e reunións cos traballadores. Con todo, apuntou que se trata dun despedimento colectivo que afecta a máis de 300 traballadores en España, un marco no que a Administración autonómica non pode "substituír" a mesa de negociación, aínda que insistiu en aplicar "toda a firmeza institucional posible" ao ser a planta pontevedresa a que máis incidencia sofre en termos porcentuais.
Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará criticou que existen "cero compromisos" por parte da Xunta, máis aló de "boas palabras", fronte a un despedimento colectivo que cualificou de "absolutamente desproporcionado e inxustificado". O parlamentario do Bloque denunciou que se lle permita a Nestlé executar un recorte por motivos organizativos, o cal ve "absolutamente indecente" despois de que a compañía obtivese 3.000 millóns de euros de beneficio en España durante o exercicio de 2025. O Bloque amosou o seu "apoio absoluto" ás mobilizacións do persoal e ao paro indefinido convocado a partir do vindeiro 1 de xuño.




