Estes recursos proceden do Plan +Provincia, que este ano achega ao concello máis de 850.000 euros, sumando 500.000 euros correspondentes ao exercicio de 2026 e un adianto de preto de 351.000 euros da liña de investimentos prevista para 2027.
As actuacións financiadas con estes fondos provinciais concentraranse en catro pistas: na Menda, en Baiuca, na contorna do Centro Médico e na pista de Oeste. O proxecto xeral contempla a mellora destas vías mediante a aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente sobre o firme existente.
En concreto, na Menda reforzarase o firme debido ao seu mal estado de conservación. En Baiuca, tamén se mellorará a capa de rodaxe para garantir a seguridade. Na pista do Centro Médico, onde parte da plataforma é de pavimento natural e outra está deteriorada, renovarase a capa para homoxeneizar o firme. Finalmente, na pista de Oeste, repararase a plataforma danada polas raíces das árbores próximas mediante a explanación e renovación da capa de rodaxe.




