A Deputación de Pontevedra financiará integramente as obras de mellora do firme de varios camiños municipais no concello de Cuntis. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 240.000 euros, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027.
Grazas a estes recursos, o Concello de Cuntis actuará en camiños situados nas parroquias de Arcos, Cuntis, Estacas, Portela e Troáns. Concretamente, mellorarase o firme e o sistema de evacuación de augas pluviais en vías situadas nos núcleos da Bragaña, Calvos, O Campo, Arrotea, Novás, O Casal, Vilabar de Abaixo, Lornes, Cornado, A Casiña e Portela, onde a capa de rodaxe está moi deteriorada e as cunetas presentan problemas.
O deputado provincial Ricardo Martínez destacou que estes fondos provinciais dan resposta ás demandas dos concellos e melloran a calidade de vida da veciñanza, impulsando actuacións que melloran infraestruturas fundamentais no día a día.




