A zona deportiva de As Corticeiras en Caldas de Reis contará cun novo campo de fútbol 7, segundo confirmou o tenente de alcalde e responsable de Deportes durante unha visita aos terreos. Este equipamento auxiliar complementarase cunha nova área verde de esparexemento, cuxo proxecto, elaborado polo Concello, sairá a licitación de forma inminente. A actuación transformará 3.800 metros cadrados próximos ao río Umia.
“"A grande aposta deste goberno dende inicio de mandato está a ser o deporte."
O responsable municipal de Deportes subliñou que a intención do Goberno local é poñer a disposición da cidadanía, especialmente da mocidade, instalacións deportivas de calidade. Estas infraestruturas están deseñadas tanto para acoller grandes eventos como para promover o deporte base. A incorporación do campo de fútbol 7 permitirá ao Caldas CF dispoñer de espazos de adestramento adicionais fóra do campo principal e será de gran utilidade para torneos como o Vila de Caldas, que na pasada Semana Santa reuniu a preto de 800 mozos e mozas de 48 equipos e 29 clubs galegos e de Portugal.
Unha vez que a Deputación aprobe o financiamento da iniciativa a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o Concello iniciará os trámites para a licitación das obras. A previsión é que os traballos comecen no verán ou tan pronto como sexa posible, cunha duración estimada de cinco meses unha vez finalizados todos os trámites administrativos.
“"Atendemos unha demanda histórica do equipo de fútbol e sacámoslle rendemento a uns terreos moi degradados e que agora se redistribúen de maneira eficiente."
O proxecto, que supera os 224.000 euros, require tanto da subvención provincial como dunha elevada achega municipal. Para poder construír o novo campo de fútbol 7, o Concello tivo que modificar os usos da parcela, que inicialmente estaba destinada unicamente á ampliación da EDAR. Agora, 2.014 metros cadrados do solar habilitaranse como espazo auxiliar de fútbol 7 e outros 1.810 metros cadrados como zona verde de esparexemento, abrindo unha conexión co paseo do río.
Esta construción súmase a outras melloras deportivas na localidade, como o avance nas gradas e a iluminación en As Corticeiras, a renovación de vestiarios e a creación dunha sala de usos polivalentes no pavillón, a construción dunha pista multideporte en A Tafona e a habilitación dun circuíto de motocross para potenciar os deportes de motor na vila termal.




