O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, supervisou a nova pasarela instalada sobre o río Bermaña. Esta actuación, cun custo de 12.400 euros financiados polo Programa +Provincia da Deputación de Pontevedra, busca mellorar a seguridade peonil no núcleo urbano.
A estrutura, que se prevé que estea operativa o vindeiro 29 de novembro, conectará a Rúa Sarnadela coa contorna da Tafona. O obxectivo principal é evitar que os peóns teñan que transitar pola estrada nacional N-640 entre o final da rúa Juan Fuentes e A Tafona, onde a beirarrúa é máis estreita e presenta maior risco.
A pasarela, de estrutura metálica lixeira e deseñada exclusivamente para peóns, está revestida con fibra de madeira e polímeros resistentes á humidade e ao desgaste, e conta cunha baranda de aceiro. Ademais, dotarase dunha luminaria led conectada ao sistema de alumeado municipal.
Esta obra forma parte da política municipal de mellora e embellecemento da vila, co foco na calidade de vida e seguridade da cidadanía.




